dijous, 4 d’octubre del 2007

Rei Artur

Rei Artur soubera, pola boca mesturadora de Galván, que Guenebra lle era infidel con Lanzarote.
Polo paseo dos grandes fieitos, beirado de dalias, avanzaba senlleiro o monarca de corazón mancado. Toda a dor do mundo trabáballe nas gorxas coa fereza do lince. Ao final do parque, con aceno torvo, a torre sombriza da Dorosa Garda erguía os seus adarves contra un ceo de chumbo no que xiraba un exército de pequenos diabos ou víncaros chilrantes. Nobre o rostro descomposto, globos de marrón e azur baixo da ollada, Rei Artur chorou con bagullas de fogo e o xemer encañecíalle de cuspe os bigodes e a barba. Guenebra, Lanzarote! Ela fora a benamada, a única, a gavota do mencer chuvendo, a pel cegadora de neve ardorosa, a seguranza pétrea dos estados, o azafrán dos xantares de cerimonia, cendal de Persia na fronte queimada dos estíos, noites de brama dos veados beira do pabillón de caza a amatar os outros brados de amor de bronce señorial entre doseis e peles de londra, e o corpo nu dela a renovarse no leito co movemento incesante e diverso das fervenzas. El, Lanzarote, o castrón carregado de graza nos combates e un tizón aceso en cada ollo, a fidel presencia armada e repetida non sabe Artur dende cando, e parécelle que dende sempre, en cada solaina, en cada porta, ao pé de todas as escadas, no trunfo de todos os torneos; a forza da idade na que o cabaleiro recibe o cumio dos presentes solares, as potencias marciais se simplifican e as victorias achéganse ao heroi co aceno submiso da corza de pé branco, cifra do amor sen lindes do que serve e ten honor.
A traizón consumada e sabida, a dor apurada até o derradeiro fondal no que navegan escuras dúbidas e desculpas desexadas, Rei Artur só anceia, derrubado na tarde de chumbo, recuperar, recuperar a pel de Guenebra, voltala a si, descubrir de novo o quentor de horas pasadas e líquidos grumentos de desexos obtidos e ensoños acoplados nos seráns de gloria e dos floridos banquetes, que Guenebra, garza, grou, galana, volte, e que Lanzarote endexamais torne de Armórica se non é pra recibir o deshonor de mans de Rei Artur que chora outravolta polo paseo dos fieitos entrementres berra por Galván, porque parten cara o mosteiro vello de Dodro no que Guenebra é presa a cecais acadara o arrepentimento.

Amor de Artur, 1982
X.L.Méndez Ferrín


Lancelot i Ginebra, 2004
Donato Giancola